Un número especial da revista Malladoura inaugurará o ano do seu décimo aniversario
A revista Malladoura cumpre 10 anos de vida e para celebralo, o Seminario de Estudos Porriñés “Alfredo Bautista Alconero”, ten pensado organizar unha serie de actos ao longo de todo o 2010. A primeira iniciativa é a de publicar unha edición especial de máis de 60 páxinas que se presentará o vindeiro sábado 24 de abril durante unha gala na que se repasarán os 10 anos da publicación. O evento terá lugar no salón do Círculo Recreativo Cultural do Porriño. Para este ano o colectivo cultural conta co apoio e a colaboración de diversas entidades públicas e privadas do municipio. Leer más…

Benvidas/os. Renovamos este espazo co gallo do noso 10º aniversario. Nel poderedes estar ao día dos acontecementos que vaian xurdindo relacionados, ou non, coa nosa celebración. Polo de agora estamos aínda a configurar o noso ano; podemos adiantar que estamos traballando xa nunha edición especial de Malladoura na que, ademais dos colaboradores habituais, amigas e amigos relacionados co eido social e cultural do Porriño e de Galicia, agasallarannos coas súas reflexións, debuxos, deseños, etc… Presentaremos este especial nunha gala, posiblemente entre abril e maio, na que poderemos repasar con vós e entre nós estes 10 anos de vida. A día de hoxe isto é o que vos podemos adiantar, pero estade atentas e atentos, haberá máis.
Grazas por estar ao noso carón. Estamos en contacto!


